Saturday 27 de April de 2024

A Coruña acolle esta fin de semana a elite do Tríatlon Nacional e Tríatlon Paratríatlon Internacional


O Campionato de España de Tríatlon en distancia olímpica e a Copa do Mundo de Paratríatlon terá lugar coa meta da competición de novo na praza de María Pita

O concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro: “O Goberno de Inés Rey continúa a apostar polos grandes eventos deportivos”

A Coruña acolle esta fin de semana, sábado e domingo 1 e 2 de xullo, tres destacados eventos de tríatlon: o Campionato de España de Tríatlon en distancia olímpica, a Copa do Mundo de Paratríatlon e a quinta cita do circuíto nacional Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya, dedicado ás categorías inferiores e que recalará por segunda vez na cidade.

A praza de María Pita volve ser o escenario da meta para as competicións nacionais e internacionais, co circuíto de natación no espazo entre o porto e o castelo de San Antón, e o ciclismo e a carreira a pé polo paseo marítimo coruñés. O concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, foi o encargado de presentar a proba: “Que esta competición volva ter lugar na Coruña amosa que o Goberno de Inés Rey continúa a apostar polos grandes eventos deportivos”, dixo.

A presenza de paratriatletas internacionais, preparándose para a importante cita da Copa do Mundo, con puntos en xogo para o último tramo do ciclo de clasificación cara aos Xogos Paralímpicos de París 2024, notarase durante a práctica totalidade da semana, e a partir de xoves e venres tamén a chegada das e dos triatletas nacionais na procura dos títulos en xogo. Durante a xornada do venres 30 de xuño terán lugar os recoñecementos oficiais dos circuítos de Paratríatlon, así como a entrega de dorsais e a benvida dos e das deportistas en María Pita.

O programa de competicións nacionais de Tríatlon na Coruña comezará o sábado 1 de xullo coas probas de Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya, con saídas Pre-Benxamín, e Benxamín ás 11.00 horas, Alevín ás 11.30 horas, e Infantil e Cadete ás 12.00 horas, en cada carreira con distancias adaptadas ás categorías. Pódese consultar toda a información aquí.

As e os paratriatletas participantes na Copa do Mundo de Paratríatlon tomarán a saída o sábado 1 de xullo a partir das 15.00 horas e a cerimonia de premios para todas as categorías está prevista na zona de meta en María Pita ás 18.30 horas. Toda a información pódese consultar na web de Europe Triathon.

O Campionato de España de Tríatlon distancia olímpica de categoría Elite completará a primeira xornada de competicións FETRI na Coruña 2023, con saída feminina ás 18.15 horas e masculina ás 20.20 horas. A cerimonia de entrega de premios será ás 22.15 horas.

O domingo 2 de xullo a partir das 08.30 horas disputarase o nacional de Tríatlon Grupos de Idade, e durante a mañá as carreiras polas medallas nacionais das categorías xuvenil, con saída feminina ás 11.45 horas e masculina ás 12.30 horas; júnior ás 13.15 horas a saída feminina, e ás 14.00 horas a masculina. A cerimonia de premios final terá lugar ás 15.15 horas.